41. III EDICIÓN DO CERTAME ESCOLAR DE REGUEIFAS (Marzo 2011)

Este ano participamos na III Edición do Certame Escolar de Regueifas para Centros Educativos vigueses de Secundaria, promovido e patrocinado pola Concellería de Igualdade, Mocidade e Normalización Lingüística do Concello de Vigo.
 
Esta participación tivo lugar en dúas fases: na primeira, os alumnos de 1º e 2º ESO traballaron co "Caruncho" e Pinto nuns obradoiros sobre regueifas no colexio, aprendendo o que son, e a técnica para facelas; e na segunda, os seis mellores regueifeiros medíronse co resto dos outros colexios participantes (que este ano foron 14) na fase final que tivo lugar no Auditorio do Centro Veciñal e Cultural de Valadares o día 25 de Marzo.

Os alumnos tiveron que pasar tres probas, e a escola que lograra meter máis alumnos na proba final sería a gañadora, neste caso foi o IES Manuel Antonio.

O xurado estivo composto por Gonzalo (Libreira Cartabón), Gregorio Álvarez (Presidente CVC Valladares), Fran Zabaleta (Rede Libros) e Suso de Xornes (Regueifeiro)


Presentaron e dirixiron as probas: Pinto d´Herbón e Luis "O Caruncho" da Asociación Oral de Galicia.

 
A regueifa é unha cantiga improvisada entre dúas ou máis persoas que seguen un mesmo cantar ou son durante o tempo que dura unha disputa sobre un tema determinado. Ademais, ten a característica de que cada regueifeiro canta unha estrofa de catro versos octosílabos nos que riman os pares e quedan libres os impares (de maneira que formalmente coincide coa copla popular). 

A orixe desta controversia cantada ten que ver coa regueifa, que era un molete de pan -ou unha rosca de ovo e azucre- que antigamente se regalaba nas vodas aos convidados e aos mozos e mozas da parroquia non convidados (ou de fóra dela). A parte divertida consistía en "cantar a regueifa": un cantador dos de fóra da parroquia botaba unha copla meténdose cos de dentro, e entón un cantador da parroquia respondíalle. Iniciábase así entre os dous unha disputa dialéctica de coplas improvisadas cada vez máis incisivas, ás veces escarnecedoras para os noivos ou para as súas familias, de xeito que o certame poético podía rematar nunha pelexa. Por esta razón, os da casa escollían unha madriña para bailar a regueifa e armaren unha foliada salvadora. O regueifeiro gañador, aquel que cantaba a última copla, era quen tiña a honra de partir e repartir a regueifa.

Aquí deixámosvos a "O Caruncho" e Pinto regueifando, e un pequeno vídeo cos nosos regueifeiros particulares:


No hay comentarios: