6. DÍA DAS LETRAS GALEGAS (Maio 2006)

Este ano, coincidindo co día das Letras Galegas fixémoslle unha homenaxe a un dos oficios artesanais da nosa comunidade: A CESTERÍA.

A cestería é unha das actividades máis antigas realizadas polo home. Vimbios, colmo e madeira eran tecidos polos cesteiros para obter obxectos para transportar e almacenar. Dependendo da materia prima coa que traballaban podían empregar diferentes ferramentas, e moitas delas teñen desaparecido na actualidade porque perderon a súa funcionalidade ou foron substituídas por outras novas.
Para lembrar a forma de traballar, os materiais e as ferramentas visitounos un cesteiro no noso colexio, que nos amosou os seus traballos e ensinounos como se fan. Disfrutamos todos moito con él.

En Vigo, ao redor de 1910, instaláronse na antiga rúa da Amargura no Casco Vello, un grupo de cesteiros procedentes da Serra da Estrela (Portugal), que converteron á cidade nun dos centros de produción de cestería máis importantes de Galicia. Na actualidade é coñecida como rúa Cesteiros.

Ata finais do século XX a rúa tiña abertos múltiples obradoiros que producían cestos para os labores do campo e do mar. O vimbio era a súa especialidade, e do seu traballo xurdiron pezas como as cestas de lazo, cestas costeiras, cestas ferroviarias, nasas, cestóns ou canastros.

Outro foco de actividade cesteira relevante na comarca foi a relacionada coa madeira rachada, en Cabeiro (Redondela), sendo a peza máis coñecida deste lugar a patela, cesto fundamental na actividade pesqueira das Rías Baixas.

Neste vídeo podedes ver unha pequena mostra da arte do cesteiro que nos visitou:



No hay comentarios: